Nova
A Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM) asistiu ao VII Congreso Internacional de Calidad y Sostenibilidad Turística
Pepe Formoso e José Ramón Fernández, presidente e vogal de APTCM, representaron á asociación nesta importante cita, organizada polo ICTES do 12 ao 16 de xuño en Jerez de la Frontera, Cádiz
A directiva tivo a oportunidade de trasladar os intereses do sector da Costa da Morte ao Presidente do ICTES, Miguel Mirones.
Muxía_17.06.2024_A Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), representada polo seu presidente, Pepe Formoso, e un dos seus vogais, José Ramón Fernández, estivo presente no VII Congreso Internacional de Calidad y Sostenibilidad Turística, organizado por el Instituto para la Calidad Turística Española y la Sostenibilidad del 12 al 16 de xuño en Jerez de la Frontera, Cádiz.
O amplo programa do congreso, permitiu á directiva obter unha visión sobre diversos temas de relevancia global e actual, como por exemplo a preocupación pola masificación de determinados destinos turísticos e a turismofobia, as novas demandas sociais do turismo, a creación de emprego de calidade e sostible no sector ou a sostibilidade nas organizacións turísticas e o seu impacto na comunidade local. “Para o noso sector é fundamental estar presente neste tipo de congresos que xiran arredor de aspectos moi importantes para nós, como é o caso, nesta ocasión, da calidade e a sostibilidade turística”, manifesta o seu presidente, Pepe Formoso.
Durante este encontro, a directiva tivo oportunidade de dar visibilidade ao destino e ao seu tecido empresarial, amosando o seu compromiso coa calidade e a sostibilidade. “É importante ter presenza neste tipo de eventos e poder traballar en rede con organizacións coas que compartimos valores, como é o caso do ICTES, Turismo de Galicia ou o Centro Superior de Hostalería de Galicia, cos que tivemos ocasión de conversar e compartir puntos de vista”, afirma o vogal José Ramón Fernández.
Durante o congreso, a directiva estivo en contacto con numerosas organizacións, como o ICTES, a través do seu presidente, Miguel Mirones; Turismo de Galicia, a través do técnico de Calidade, Enrique Pérez; e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, a través do seu director, José Paz, que estiveron, casualmente, na Costa da Morte o pasado 31 de maio, no acto de entrega dos distintivos de Calidad (Q) e Sostenibilidad (S) turística, que foi acollido no Parador da Costa da Morte, en Muxía. “Este tipo de encontros permítenos ter unha relación continuada e de confianza coas principais organizacións relacionadas co turismo en Galicia e a nivel nacional e internacional, que sen dúbida repercute e repercutirá no noso destino, a Costa da Morte, e no noso sector”, afirma o presidente de APTCM, Pepe Formoso.