Nova

APTCM reúnese con Marta Villaverde, a nova directora de Desenvolvemento Pesqueiro, para xestionar a colaboración e proxectos dos GALP solicitados pola asociación.

Muxía, 28.06.2024_A Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) mantivo unha reunión con Marta Villaverde, a nova directora de Desenvolvemento Pesqueiro, para coordinar a colaboración entre ambas entidades e dialogar o desenvolvemento de proxectos financiados polos Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP). Pepe Formoso, como presidente e portavoz de directiva, considera que “a reunión foi moi cordial e moi positiva, e anímanos a continuar traballando en colaboración con esta e outras administracións, a favor do desenvolvemento sustentable da Costa da Morte”.  

 

Na reunión abordáronse os detalles dos proxectos que contan cun financiamento de case 200.000 euros para 2024 e 2025. Estes proxectos, presentados aos GALP Costa da Morte e Costa Sostible, basearanse na campaña piloto «Meses con R, aposta segura», desenvolvida con éxito no 2023. Este programa ten como obxectivo promover o turismo sustentable e a posta en valor do patrimonio pesqueiro e marítimo da rexión. A asociación conta con ter a resolución definitiva de adxudicación nas vindeiras semanas.  

 

A directiva de APTCM subliñou a importancia do apoio e da colaboración constantes das Administracións coa entidade, o cal foi fundamental para o éxito das súas iniciativas. Actualmente, a asociación conta con máis de 170 socios e continuará traballando para captar novos membros e fortalecer a organización. 

 

APTCM segue comprometida co desenvolvemento e promoción do turismo sustentable na Costa da Morte, e a recente reunión coa directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, marca un paso significativo na consolidación destas iniciativas. Nas vindeiras semanas, a directiva da asociación ten xa axendas outras citas estratéxicas con Turismo de Galicia e AGADER.  

 

Para o 2024, ademais dos proxectos cos GALP e Desenvolvemento Pesqueiro, APTCM ten previsto desenvolver iniciativas en colaboración con outras entidades como a CMAT, Turismo de Galicia, Deputación da Coruña ou Medio Rural.