Nova
Os profesionais do turismo da Costa da Morte (APTCM) desenvolverán dous proxectos GALP de 200.000€
Reuníronse unha trintena de socios na Asemblea Ordinaria en Vimianzo, onde aprobaron as contas do 2023 por unanimidade
A directiva da asociación presentou a memoria do ano 2023 e o plan de actividades 2024-25
Vimianzo_27.05.2024_A Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM) celebrou onte na Casa da Cultura de Vimianzo a súa asemblea ordinaria de socios. “No noso empeño pola transparencia, era hora de render contas aos socios, compartir os resultados positivos das actividades postas en marcha o ano pasado e de expoñer a planificación para esta anualidade”, aclara o presidente, Pepe Formoso.
As contas do ano 2023 foron aprobadas por unanimidade e, durante a sesión, presentáronse os resultados da campaña «Meses con R, aposta segura», destacouse o apoio e colaboración constantes das administracións con APTCM e tamén se puxo en valor a participación da asociación en feiras tan relevantes como Fitur, en Madrid, e o Fórum Gastronómico da Coruña.
Entre as actividades previstas para este ano 2024 destacan o desenvolvemento de dous proxectos cos GALP Costa da Morte e Costa Sostible, baseados na campaña piloto «Meses con R, aposta segura», por un importe total de 198.803€, así como iniciativas en colaboración coa CMAT (Asociación de Turismo da Costa da Morte), Turismo de Galicia, AGADER ou Desenvolvemento Pesqueiro, para seguir traballando polo turismo na Costa da Morte.
Unha das novidades deste ano inclúe a contratación do servizo de asistencia técnica a Grupo Atlante, que xa leva desde febreiro traballando nas áreas de xestión administrativa, comunicación, desenvolvemento de proxectos e participación e gobernanza da asociación.
Tamén seguirán traballando na mesma liña de captación de novos socios que, actualmente, superan os 170: “Hai que ser ambiciosos. Cantos máis sexamos, máis músculo gañaremos e máis e mellores proxectos poderemos acometer”, lembra o secretario, Damián Álvarez.
Quedou aprobada a acta da sesión e, finalmente, todos os socios presentes que aínda non os recolleran, recibiron os dous exemplares do libro “Costa da Morte, confín de Europa” que lles correspondían, escrito por Xan Fernández Carrera e promovido pola asociación. Así mesmo, puideron levar exemplares da guía turística da Costa da Morte, editada pola CMAT.
Asistencia Técnica de APTCM_606.593.221 // 669.154.065